Concello de Sanxenxo - O XORNALISTA E ESCRITOR FERNANDO SALGADO PRESENTA O SEU LIBRO "¿QUÉ MIRAS?" NA SALA NAUTA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O escritor e xornalista, Fernando Salgado Varela, presenta este venres, ás 20 horas, na Sala Nauta o seu último libro, "¿Qué miras?" Ademais do autor, no acto participarán a concelleira de Cultura, Elena Torres, a protagonista do libro Susi Maquieira, a escritora Baia Fernández da Torre e Reme Varela, membro da Asociación Cultural Andarela. A entrada é gratuíta ata completar aforamento.

En "¿Qué miras?" Salgado narra a vida de Susi Maquieira Velay, unha muller con acondroplasia, unha enfermidade que afecta á estatura. Nada en Cuntis, vive en Vigo e pasa os veráns en Sanxenxo. Ten 52 anos, foi a promotora da creación da Asociación Avanzar, que presidiu durante toda a súa traxectoria. Este colectivo fixo posible que decenas de persoas de varios municipios, con discapacidades físicas e psíquicas, puidesen realizar actividades formativas e lúdicas.

Os seus 110 centímetros de estatura non lle supuxeron un freo na súa traxectoria vital. Tirouse nunha tirolina desde o Morro de São Paulo, patinou sobre o xeo e deslizouse sobre a neve en Canadá, viviu como unha estudante en Roma, percorreu Londres e Croacia e viaxou varias veces a Canarias.

Ten o carné que lle permite patronear unha embarcación náutica recreativa pinta e garda en catro álbums os patróns elaborados durante a etapa dedicada á moda e ao deseño. Encántalle a música e goza en primeira liña nos concertos dos seus artistas preferidos.

"Superou moitas adversidades e non quere que ninguén senta mágoa nin compaixón por ela", asegura o autor. O que se busca con este libro é facer "un chamamento á sociedade para que non sinale co dedo a aquelas persoas cuxa estatura é inferior á media, e reclama aos gobernos que invistan en investigación co obxectivo de dar unha solución os afectados pola acondroplasia".

0
0
0
s2sdefault