Concello de Sanxenxo - O CONCELLO INICIA NOS CENTROS EDUCATIVOS A CONMEMORACIÓN DO 8-M E O DÍA DA MULLER E A NENA NA CIENCIA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Unha mesa redonda, un taller coloquio e unha xornada dedicada ás figuras científicas galegas

O Concello de Sanxenxo inicia a próxima semana nos centros educativos a programación de actividades con motivo do 8-M e o Día da Muller e da Nena na Ciencia.

Coñecer figuras de mulleres científicas galegas "Con ciencia de muller" é o obxectivo da primeira actividade prevista nos sete centros de Educación Primaria do municipio: Magaláns, Nantes, O Telleiro, Abrente, Portonovo e O Cruceiro. Durante aproximadamente unha hora, os nenos e nenas aprenderán da ciencia mediante a realización de experimentos científicos sinxelos ao mesmo tempo que se vai falando de figuras femininas importantes na ciencia de Galicia e de España.

A corresponsabilidade dos coidados das persoas maiores nos fogares chegará o martes, 27 de febreiro, ao IES de Sanxenxo para 3º da ESO. Trátase dun taller coloquio impartido por persoal do SAF (Servizo de Axuda non Fogar) onde se tratarán temas como a hixiene postural, os coidados e o respecto polos maiores.

Os alumnos de 3º e 4º da ESO do IES Vilalonga, do colexio Abrente e do IES Sanxenxo asistirán a unha mesa redonda composta por Laura Arosa, investigadora predoctoral no Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago; Sandra Moraña, investigadora predoctoral no instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS); Lara Troncoso, investigadora predoctoral no Centro de Investigación en Biomateriais; Eva González, radiofísica interna residente no CHUS e Sara Martínez, médico interno residente no CHUAC.

Todas estas actividades realízanse con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a violencia de xénero.

0
0
0
s2sdefault