Concello de Sanxenxo - SANXENXO INCREMENTA A SÚA APOSTA POLAS "PRAIAS SEN FUME" CON SEIS NOVOS AREAIS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O Concello solicitou a bandeira para Pampaído, Barreiros, A Granxa de Abaixo, Fontenla, Nanín e A Carabuxeira

Sanxenxo, 11 de marzo de 2024.- Sanxenxo incrementa a súa aposta polas "Praias sen fume" con seis novos areais: Pampaído, Barreiros, A Granxa de Abaixo, Fontenla, Nanín e A Carabuxeira. E así o tramitou, a Concellaría de Turismo ante a Consellería de Sanidade, encargada de conceder estes distintivos. O municipio conta xa, na actualidade, con 18: Panadeira, Silgar, Baltar; Caneliñas, O Espiñeiro, Areas Gordas, A Lapa, Foxos, Nosa Señora dA Lanzada, Major, Areas Esquerda, Areas Dereita, Agra, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas e Pragueira.

Promover unha vida sen tabaco, desnormalizar o seu consumo na sociedade e coidar o medio ambiente son tres das razóns que levaron ao Concello de Sanxenxo a apostar polo distintivo Praias sen Fume. Sanxenxo, líder en Galicia neste distintivo, atópase na categoría ouro desta insignia.

Nas praias sen tabaco, non está permitido fumar na zona do areal quedando excluídos desta medida os espazos ao aire libre dos locais de hostalaría situados nelas como chiringuitos. Non hai vixilancia, nin sanción, pero espérase dos usuarios que cumpran voluntariamente coa norma, xa que se apela á responsabilidade persoal.

Coidar os espazos naturais
As cabichas dos cigarros son unha fonte significativa de contaminación nas praias e litorais. Estas diminutas pezas poden parecer inofensivas, pero conteñen unha mestura de produtos químicos tóxicos que se liberan na auga e na terra a medida que se descompoñen. Os filtros dos cigarros están feitos de fibras plásticas que poden persistir no medio ambiente durante anos, contribuíndo á acumulación de microplásticos e danando a vida mariña.
A degradación das cabichas é un proceso lento, o que agrava o problema. Ademais, poden ser confundidas con alimento polos animais mariños. A esta problemática súmaselle a dificultade que representa para os servizos de limpeza manter as praias libres de cabichas.

0
0
0
s2sdefault