Concello de Sanxenxo - OS ALUMNOS DA PRIMEIRA PROMOCIÓN DO CICLO BÁSICO DE COCIÑA E RESTAURACIÓN INICIAN AS SÚAS PRÁCTICAS EN HOTEIS E RESTAURANTES DE SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

O período de formación práctica remunerada durará ata o próximo mes de xuño

Sanxenxo, 14 de marzo de 2024.- Os sete alumnos da primeira promoción do Ciclo Básico de Cociña e Restauración iniciaron nestes días o período de prácticas en hoteis e restaurantes do municipio co que concluirán a súa formación de dous anos e poderán incorporarse ao mercado laboral ou seguir ampliando os seus estudos cun ciclo medio. As prácticas son remuneradas e cunha duración maior do habitual de aproximadamente catro meses.

A formación do alumnado inclúe unha parte teórica que se desenvolve no instituto de Vilalonga, e outra parte práctica de cociña, sala e restauración que se imparte no Hotel Pedramar baixo as instrucións de Rubén Otero e María Gordillo. O Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo colabora con este ciclo asumindo o compromiso de acoller ao alumnado para a súa formación dual nas diferentes empresas asociadas.

Doutra banda, outros once novos alumnos iniciaron este curso a formación atraídos polas oportunidades laborais que se abren nun destino turístico como Sanxenxo onde se require un importante volume de profesionais tanto en restauración como en cociña ou sala.

O obxectivo de ampliar o período de prácticas habituais é crear un maior vínculo e compromiso entre os alumnos e a empresa na que poderían comezar a súa carreira laboral.

Cabe lembrar que o ciclo se impartirá no instituto de Vilalonga de maneira provisional, xa que a súa sede definitiva será o antigo colexio do Cruceiro, no que se está levando a cabo unha profunda reforma das instalacións. O proxecto está valorado en 1,5 millóns de euros e o Concello aspira a financialo con fondos europeos Next Generatión. O edificio contará tamén con espazos para outros usos.

0
0
0
s2sdefault