Concello de Sanxenxo - A COMISIÓN PARA A REXENERACIÓN DA CARABUXEIRA E LAVAPANOS AVANZA TRAS O ÚLTIMO INFORME DE COSTAS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 15 de marzo de 2024.- A comisión para a rexeneración da Carabuxeira na que está representada Nauta Sanxenxo, Costas e Portos de Galicia reuniuse esta mañá para analizar o último informe do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico sobre o "Proxecto de construción das obras de contención para a rexeneración da praia da Carabuxeira". O redactor do proxecto Fernando López Mera, presente tamén no encontro será o encargado de ampliar a análise do estudo de alternativas, tal e como solicitan, para envialo de novo a Madrid nas próximas semanas e avanzar na solución definitiva para a rexeneración de ambos os areais.

Cabe lembrar que Nauta Sanxenxo expón como solución definitiva, dentro das alternativas analizadas, a construción dun espigón formado por un núcleo de formigón forrado de granito, cuxo trazado en planta consiste na unión das rocas existentes para construílo coa menor cantidade de material exterior posible. A anchura do espigón sería de 2,24 metros e tería unha lonxitude de case 100 metros. Tras a colocación deste dique retiraríanse os tubos xeotextiles da praia colocados na fase provisional e tamén se reporán 27.000 m3 de area en ambas as praias, dos que xa se achegaron 10.000 m3 na primeira fase.

Na primavera de 2021, A Carabuxeira estreou un sistema pioneiro para reter a area na praia de forma provisional. Dous tubos xeotextiles, recheos de area, un en tramo seco e outro perpendicular á liña do mar de 70 metros de longo. Esta actuación estivo acompañada dunha rexeneración para recuperar o perfil do areal con árido da propia praia depositado no frontal da praia. Nos anos seguintes continuáronse realizando movementos de area desprazada polos efectos do mar e os temporais.

Co proxecto definitivo, o obxectivo é achegar unha solución que acabe cos actuais problemas de perda de árido de ambos os areais.

0
0
0
s2sdefault