Concello de Sanxenxo - SANXENXO BALIZARÁ AS PRAIAS PANADEIRA, SILGAR, BALTAR E CANELIÑAS PARA SEMANA SANTA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A empresa adxudicataria inicia esta tarde os traballos que está previsto que se prolonguen ata o luns

Sanxenxo, 22 de marzo de 2024.- Sanxenxo comezará esta tarde o balizamento de catro praias urbanas, Panadeira, Silgar, Baltar e Caneliñas para esta semana Santa. Unha medida de seguridade que xa se puxo en marcha o ano pasado durante o mesmo período e que se incluíu no novo contrato de balizamento de praias.

O Concello acordou coa empresa subministradora adiantar o servizo nos areais que tanto pola súa situación como pola afluencia de bañistas fosen susceptibles desta mellora na seguridade. Non se colocará a sinalización habitual con corcheras xa que non soportaría as condicións do mar, pero si se delimitará cunha liña de aboias amarelas a zona de baño. O balizamento que se coloque agora xa quedará ata o verán cando se reforzará a delimitación con corcheras e a delimitación dos accesos para embarcacións.

O Concello traballa xa na posta a punto dos areais para este verán e ultima a licitación do acondicionamento de praias que sairá a concurso por 52.990 euros. As actuacións a realizar, entendéndose englobadas nas mesmas tanto a parte correspondente ás obras como á de servizos, resúmense basicamente en reparacións, reposicións e pintados de varandas de protección, reparación e preparación da base para o lasurado de valados, escaleiras ou ramplas, os módulos de aseos e casetas de socorrismo.

O contrato tamén prevé un servizo de retroexcavadora para movementos de area e elementos no areal; o traslado, montaxe, desmonte e almacenamento de pasarenas, pontes de madeira para o tránsito de persoas e accesos, así como as zonas de sombra e módulos de aseos. A adxudicataria tamén se encargará da colocación de cartelaría informativa, do servizo de mantemento preventivo e conservación de todos os servizos instalados nas praias durante a tempada estival.

0
0
0
s2sdefault