Concello de Sanxenxo - O CONCELLO HABILITA UNHA AULA DE ESTUDO NO EDIFICIO DE USOS MÚLTIPLES DE PORTONOVO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O novo servizo entrará en funcionamento o vindeiro martes, 2 de abril, con horario continuado

Sanxenxo, 27 de marzo de 2024.- O Concello de Sanxenxo habilita unha aula de estudo no edificio de usos múltiples de Portonovo coa que se dará resposta a unha demanda histórica dos estudantes do municipio. O novo servizo contará desde o próximo 2 de abril, con horario continuado, de martes a venres, de 9 a 23 horas e os luns de 9 a 16 horas.

O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Cultura, Elena Torres, visitaron esta mañá as novas instalacións acompañados de estudantes que, a partir do próximo martes, serán xa usuarios deste novo servizo. A aula, con capacidade para 32 persoas, conta con 32 cadeiras e 8 mesas con enchufes e conexións para cargar o móbil. As instalacións dispoñen de conexión a internet e de novas luminarias tipo led que reducen o consumo enerxético. "Atendemos a unha importante demanda dos mozos de Sanxenxo e da cidadanía en xeral, habilitando un espazo en condicións onde poder estudar, nun ambiente tranquilo, agradable e que favorece a concentración", explica Elena Torres.

Nestes momentos, o edificio alberga as clases de adultos, as sesións de técnicas de estudo, actividades das mulleres rurais e da Asociación Cultural Lembranzas de Portonovo. A aula de estudo súmase agora aos servizos incluídos no edificio co que se pretende dar resposta a un usuario de maior idade que se atopa preparando algunha proba ou oposición. Agora xa non estarán condicionados polos horarios e actividades que se realizan nas tres bibliotecas municipais.

Cabe lembrar que no edificio do novo mercado de Sanxenxo contémplase unha aula de estudo e unha biblioteca. O municipio conta con tres bibliotecas. No Pazo Emilia Pardo Bazán con horario de apertura de 9:30 a 13 horas, e de 16 a 19:30 horas; en Portonovo, de 9:30 a 13 horas e de 16 a 19:30 horas e en Vilalonga, de 16 a 21 horas.

0
0
0
s2sdefault