Concello de Sanxenxo - SANXENXO CONTARÁ CUN PUNTO MÓBIL DA POLICÍA NACIONAL PARA RENOVAR E OBTER O DNI OU O PASAPORTE
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os interesados deberán chamar á Policía Local de Sanxenxo para solicitar cita previa

Sanxenxo, 10 de febreiro de 2025.- Facilitar os trámites e achegar a expedición ou renovación do DNI e do pasaporte aos veciños de Sanxenxo. Estes son os dous obxectivos que se perseguen coa adhesión do Concello ao proxecto Vidoc (Vehículos Integrais de Documentación) da Policía Nacional, que permitirá habilitar oficinas móbiles de documentación coas que se poderá obter tanto o DNI como o pasaporte nun único trámite e nun tempo non superior a 15 minutos.

O concelleiro de Seguridade Cidadá e Emerxencias, Xoán Pérez, mantivo un encontro con responsables da Policía Nacional para falar da súa implantación no municipio. “Trátase dun novo servizo que facilitará as xestións aos nosos veciños, que xa non terán que desprazarse aos puntos máis próximos ata agora, como Pontevedra ou Vilagarcía”, asegura Pérez.

O servizo está previsto que se poña en marcha no próximo mes de marzo. As persoas interesadas deberán chamar ao teléfono da Policía Local (986 72 70 72) para solicitar cita previa. A Comisaría de Pontevedra facilitará o día no que se acudirá á localidade e o número de documentos que se poderán expedir ese día. A Policía Local encargarase da xestión das citas.

O punto acordado, que reúne os requisitos técnicos que esixe a unidade móbil de máis de sete metros de longo, é a contorna da piscina municipal en Baltar.

0
0
0
s2sdefault