A Policía Local activará un plan de tráfico e seguridade durante a xornada festiva
Sanxenxo, 20 de febreiro de 2025.- O Concello de Sanxenxo trasladará os actos conmemorativos do Día Internacional da Muller á Festa do Jato. Ás 12 horas, a actriz, cantante e xornalista, Jazmín Abuín, encargarase de ler o manifesto do 8-M no Campo de San Roque. Durante a xornada, instalarase un punto violeta contra a violencia de xénero na Praza Méndez Núñez, de 13:00 a 16:00 horas e de 23:00 a 02:00 horas. A partir das 17:00 horas, haberá un obradoiro de manualidades pola igualdade no Campo de San Roque.
A Policía Local, en coordinación coa Asociación Rúa dos Viños, activará un plan de tráfico e seguridade durante a Festa do Jato para garantir a seguridade. O acceso ao Campo de San Roque, Rúa Méndez Núñez, Rúa da Mariña dende a confluencia con Rúa Augusto Besada e Rúa Santa Catalina estarán cortadas ao tráfico rodado e os estacionamentos quedarán libres de vehículos.
Ademais, dende as 12:45 ata as 13:30 horas cortarase o tráfico cara á lonxa, Rúa da Mariña e Campo de San Roque durante as carreiras infantil e adulta. Dependendo da afluencia de persoas que poida afectar ao comezo da carreira, cortarase nos puntos de acceso (Rúa Rafael Pico confluencia co Parque do Espiñeiro).
Finalmente, na rotonda do Pescador, habilitarase un punto de emerxencias con presenza da Policía Local, unha ambulancia e efectivos de emerxencias.