Sanxenxo, 21 de febreiro de 2025.- Sanxenxo estreará o vindeiro 14 de marzo un programa integral pioneiro na atención das persoas coidadoras, “Coidándote para Coidar”, no que se abordará o autocoidado emocional, os recursos xurídicos e sociais, as enfermidades que afectan ás persoas coidadoras e a adaptación do fogar ás persoas dependentes. A concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, acompañada das psicólogas Carolina Irazusta e Fátima Rodríguez, presentou esta mañá na Casa de Adina esta iniciativa promovida desde Servizos Sociais a través do CIM.
A cita serviu para resolver dúbidas sobre o desenvolvemento do programa, horarios, duración das sesións... entre os máis de 50 coidadores e coidadoras asistentes que, en breve, serán usuarios da actividade. “Se algo ides ter neste curso é agarimo, deixádevos ir, pedide a axuda que precisedes e botade fóra o que non vos deixa avanzar. Non estades sós nin soas”, apuntou Paz Lago, concelleira de Servizos Sociais.
Nos vindeiros días, desde o CIM realizaranse entrevistas para crear os grupos de 15 persoas que conformarán cada bloque de sesións. “Serán sesións vivenciais, terapéuticas e mesmo catárticas. En función das necesidades de cada grupo adaptaremos as sesións do coidado emocional coa idea de tecer unha rede de apoio e axuda entre os participantes”, explicou Irazusta, quen destacou “a alta resposta dos participantes”. Fátima Rodríguez subliñou que “non existen programas integrais como este no que se abarcan todos os aspectos, desde o emocional ata o asistencial ou o xurídico. Creo que vai ser moi enriquecedor que participen homes e mulleres”, indicou.
En definitiva, o programa ten como obxectivo acompañar ás familias nas tarefas do coidado, buscando mitigar os seus efectos negativos e satisfacer as necesidades derivadas da falta de formación e habilidades específicas para o coidado. Ademais disto, pretende crear unha rede de apoio de persoas coidadoras, así como fomentar hábitos saudables que axuden a afrontar a tarefa de coidar cunha maior fortaleza emocional, ensinar a pedir axuda e a prestar os coidados sen comprometer a propia saúde. Xunto a isto, unha das vías de traballo será incidir na corresponsabilidade dos coidados das persoas maiores entre homes e mulleres.