Concello de Sanxenxo - O GOBERNO LEVARÁ A PLENO A SUSPENSIÓN DE LICENZAS NA CONTORNA DO NOVO CEMITERIO DE DORRÓN DURANTE UN ANO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Sanxenxo, 28 de marzo de 2025.- O goberno de Sanxenxo levará ao próximo Pleno ordinario do luns a suspensión de licenzas de parcelación de terreos e edificación na contorna do novo cemiterio de Dorrón durante o prazo dun ano, coa finalidade de establecer unha distancia de protección ou, de ser o caso, ata a aprobación inicial da modificación do PXOM que podería concluír coa súa clasificación como solo rústico.

En canto ao ámbito afectado pola suspensión, asegura o informe técnico que “tendo en conta as previsións da normativa autonómica vixente e a finalidade de estudo e análise do período de suspensión, pode establecerse en 50 metros medidos a partir do peche exterior do cemiterio, sen prexuízo de que, en función das circunstancias concorrentes, na modificación puntual do PXOM poida resultar afectado un ámbito superior ou menor”.

Non obstante, se como consecuencia deste estudo preliminar se identificasen outros cemiterios na mesma ou similar situación, debería adoptarse un novo acordo de suspensión de licenzas en relación con estes outros ámbitos.

O Pleno, previsto para o luns ás 10 horas, tamén abordará a aprobación dun orzamento de 41.056.869 € para este ano. En 2025 Sanxenxo vaise beneficiar de 19,7 M€ en investimentos, sendo, un ano máis, a maior parte (o 80%) procedente de fondos europeos e doutras administracións. Doutra banda, o gasto social consolidado ascende a 9,3 M€ fronte aos 7,7 M€ do ano pasado. O orzamento prevé ampliar o número de familias ás que atenderá o servizo de atención no fogar (SAF), cun incremento do gasto de 802.000 € máis que en 2024.

0
0
0
s2sdefault