Un total de 126 cans amosarán a súa rapidez e destreza nas distintas probas da competición computable para o campionato europeo.
Sanxenxo, 9 de abril de 2025.- Os mellores cans Agility de España daranse cita esta fin de semana no pavillón de Nantes. Un total de 126 exemplares demostrarán as súas habilidades tanto en velocidade como en destreza ante un xurado internacional procedente de Alemaña, Finlandia e España. O concelleiro de Deportes, Marcos Guisasola, e o organizador da proba, Julio Freire, de The Paws Patas, convidaron esta mañá tanto á veciñanza como a visitantes a achegarse para presenciar un “auténtico espectáculo”.
A actividade comezará o venres cun Open, pero as probas clasificatorias para os campionatos europeos e mundiais terán lugar o sábado desde primeira hora e durante a tarde, e o domingo pola mañá. Para as probas, a pista do pavillón cubrirase cun céspede artificial modelo Play Confort.
Guisasola salientou a cantidade e variedade de eventos deportivos que se organizan ao longo do ano en Sanxenxo e asegurou que “este, sen dúbida, vén sumarse a esta oferta, converténdose nun motivo máis para que gocen os nosos veciños e tamén para que nos visiten”.
Freire incidiu en que nas probas desta fin de semana participará “o actual campión do mundo de Agility, Gif, unha border collie, unha raza idónea para este tipo de competicións”. De feito, case todos os cans participantes pertencen a esta raza. “A súa axilidade e o seu nervio son dúas características clave”, explica.
Sanxenxo pechará con este campionato a clasificatoria para os europeos e os mundiais. “De aquí xa partirán cara a Suecia e a Abrantes, en Portugal”, apuntou Freire.