Concello de Sanxenxo - O PASEO DE SILGAR ACOLLE A EXPOSICIÓN “A CAMELIA, FLOR DAS GALEGAS E DOS GALEGOS” CON 15 TÓTEMS INFORMATIVOS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

 

Tras a presentación da mostra realizouse unha degustación con té verde e negro procedente da planta Camelia Sinensis.

 

Sanxenxo, 10 de abril de 2025.- O Paseo de Silgar acollerá ata despois de Semana Santa a mostra “A camelia, flor das galegas e dos galegos”, impulsada pola Sociedade Española da Camelia (SEC) en colaboración coa Deputación de Pontevedra e o Concello de Sanxenxo. A mostra foi inaugurada este mediodía polo concelleiro de Turismo, Juan Deza; o deputado provincial, Javier Tourís; e o vicepresidente da SEC, Antonio Montes. “Estou seguro de que Sanxenxo contribuirá nestes días á divulgación e coñecemento desta flor de orixe oriental e, sen embargo, tan vencellada a Galicia entre veciños e visitantes”, asegurou Deza, tras agradecer que se “incluíse Sanxenxo como parada no itinerario da mostra”.

 

Trátase dunha exposición itinerante para achegar a toda a cidadanía información sobre esta flor, dende a súa historia ata os seus coidados; a economía que xira ao seu redor; a súa relación coas artes, coa gastronomía ou coa moda; os produtos da camelia; ou a ruta que se pode realizar pola nosa xeografía arredor desta flor.

 

“A camelia, flor das galegas e dos galegos” conta con 15 tótems nos que se recollen os segredos e as curiosidades desta flor a través dun percorrido ao aire libre ameno e visualmente atractivo. Os paneis presentan información sobre a historia e as variedades da camelia; os xardíns destacados desta flor en Galicia; os nomes das camelias; os seus coidados; a economía desta flor e os seus derivados; a aplicación da camelia na gastronomía tanto a través do aceite como das marmeladas, vermú ou galletas; e a relación da flor coas artes e coas figuras destacadas vencelladas á camelia, con fotografías de persoas de diferentes ámbitos que teñen relación coa flor.

 

Tras a presentación da mostra realizouse unha degustación con té verde e negro procedente da planta Camelia Sinensis cultivada na Estación Fitopatolóxica do Areeiro.

0
0
0
s2sdefault