Sanxenxo, 11 de abril de 2025.- O Consello de Nauta Sanxenxo deu luz verde esta mañá á apertura dun expediente para a convocatoria dun concurso de ideas para a remodelación do Paseo de Silgar e a mellora da accesibilidade ao porto deportivo. Dende finais dos anos 90, Sanxenxo foi avanzando na humanización da fachada urbana do municipio, consciente da dinamización comercial e turística da contorna, recuperando o espazo perdido para o peón.
Cómpre lembrar que, a comezos deste século, o Paseo de Silgar contaba aínda con dobre carril de circulación e aparcamento a ambos os lados. Non é ata o ano 2000 cando se amplían as beirarrúas, suprímese o estacionamento en gran parte do vial e establécese un único carril de circulación.
Tanto o pintado de preferencia peonil no ano 2020 como a creación da plataforma única adoquinada durante o pasado verán supuxeron un importante avance na accesibilidade. Agora o goberno quere dar o último paso coa convocatoria do concurso de ideas do que sairá a idea e o proxecto gañador que indique a solución definitiva de conexión e mellora para esta contorna.
Mellora do acceso ao porto pesqueiro
Durante a sesión desta mañá tamén se acordou iniciar o vindeiro 22 de abril a obra de mellora do acceso ao porto pesqueiro de Sanxenxo. A actuación consistirá en retirar o pavimento existente nun trazado que abrangue desde a rotonda de acceso ao porto ata a entrada ao espazo destinado á pesca marítima. O novo firme contará con anchos variables entre os 6 metros e os 5,75 metros. Ademais, está prevista a instalación dunha serie de bolardos, tanto móbiles como fixos, ao longo do trazado, así como a instalación dun sistema de control de accesos para reducir o paso de vehículos e garantir a seguridade dos peóns.