Concello de Sanxenxo - CONCELLO E DEPUTACIÓN VISITAN A OBRA DE RENATURALIZACIÓN DO MIRADOIRO DA PEIXEIRA E A MELLORA DE ACCESIBILIDADE AO CAMPO DE SAN ROQUE
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

O custo da actuación rolda o millón de euros financiados ao 80% polo organismo provincial e ao 20% pola entidade municipal

Sanxenxo, 12 de abril de 2025.- A choiva respectou esta mañá a visita realizada polo alcalde, Telmo Martín, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, á obra de renaturalización do miradoiro da Peixeira e a mellora da accesibilidade ao Campo de San Roque. O custo da actuación rolda o millón de euros financiados ao 80% polo organismo provincial e ao 20% polo Concello.

“Este espazo de gran beleza natural estaba totalmente degradado. Só pasabas por aquí se non tiñas máis remedio, e agora converteuse nunha zona de desfrute, accesible e un punto de encontro veciñal”, asegurou Martín. Tamén pediu desculpas aos veciños da zona “polas molestias ocasionadas durante estes meses de obras, pero creo que mereceu a pena”. Durante o percorrido pola obra estiveron acompañados doutros membros do goberno, así como polos arquitectos do proxecto e a empresa construtora que executou a obra. “Estou convencido de que este proxecto innovador de Gabriel, Miguel e Luciano vai estar moi ben valorado”, apuntou.

Con este proxecto acadáronse tres obxectivos. O primeiro de todos é a ampliación dun espazo de prioridade peonil que se suma ao miradoiro e que inclúe o vial que separa a subida ata o Campo de San Roque. Os vehículos poderán circular, pero a unha velocidade moi baixa e subordinados ás persoas. Outro foi a mellora da subida ao Campo de San Roque coa suavización da rampla, serpenteando o seu percorrido, con miradoiros a distintas alturas, bancos, varanda e arborado, dando sombra nos meses de calor. Deste xeito, facilitarase a accesibilidade de veciños e visitantes. Ademais, a reforma tamén inclúe a instalación dunha nova iluminación que achegue seguridade e realce o espazo. No bordo costeiro, optouse pola renaturalización recuperando o estado natural do litoral antes da construción do Miradoiro da Peixeira para lograr o realce paisaxístico da fronte marítima.

Pola súa banda, o presidente da Deputación eloxiou aos creadores do proxecto e felicitou ao alcalde pola actuación. “É un proxecto valente, transformador onde o prioritario son as persoas e cunha clara vontade de poñer os espazos naturais en valor. Non é novo, o alcalde lévao facendo ao longo de toda a súa etapa”, apuntou.

Nos vindeiros días culminaranse pequenos retoques da obra e dotarase de mobiliario urbano o entorno.

0
0
0
s2sdefault