Concello de Sanxenxo - O CONCELLO DE SANXENXO ABRIRÁ O VINDEIRO 22 DE ABRIL A INSCRICIÓN DO PLAN CONCILIA CON 100 PRAZAS POR QUINCENA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A oferta amplíase con sete campus deportivos en instalacións municipais e un musical, no Auditorio Emilia Pardo Bazán

Sanxenxo, 14 de abril de 2025.- O Concello de Sanxenxo abrirá o vindeiro martes 22 de abril e ata o 9 de maio o prazo de inscrición para o Plan Concilia durante os meses de xullo e agosto. En total ofertaranse 100 prazas por quincena, para nenos e nenas de entre 3 e 12 anos, máis do dobre que o ano pasado, e desenvolverase nas instalacións do colexio da Florida, como xa se celebrou na edición anterior. Tamén se ampliará o horario, de 8:00 a 15:30 horas e disporá de servizo de fiambrera. Estas melloras non repercutirán no prezo, que se mantén nas tarifas do pasado ano (40,90 euros a quincena e 81,81 euros o mes).

Ademais, o Concello de Sanxenxo incorpora este verán unha nova iniciativa para a conciliación familiar. Trátase da estrea do I Campus Musical Vila de Sanxenxo, no que a Banda de Música Municipal, en colaboración coa Concellería de Educación, impulsa, a través da Escola de Música, unha actividade dirixida a nenos e nenas de entre catro e 15 anos, que suporá incrementar en 300 prazas a oferta de conciliación no municipio, con 75 por quincena. O campamento desenvolverase no Auditorio Emilia Pardo Bazán durante os meses de xullo e agosto, en horario de 8:30 a 14:30 horas, e nel caben tanto estudantes de música de nivel elemental e medio, como nenos sen coñecementos musicais previos.

A oferta de conciliación en Sanxenxo conta ademais con outra vertente, a deportiva, coa que o Concello colabora cedendo as instalacións e asumindo a limpeza. Ata sete campus das distintas disciplinas deportivas como balonmán, baloncesto e fútbol celebraranse este verán no municipio nos campos de fútbol de Baltar de Arriba, O Revel e Noalla, así como nos pavillóns de Vilalonga, Baltar e Nantes.

0
0
0
s2sdefault