A proba, para a que xa hai 1.400 corredores inscritos, celebrarase o vindeiro domingo 18 de maio.
Sanxenxo, 15 de abril de 2025.- O salón de plenos do Concello de Sanxenxo acolleu esta mañá a primeira xuntanza de coordinación e seguridade con motivo da celebración da Media Maratón Entre Rías, que terá lugar o vindeiro 18 de maio entre O Grove e Sanxenxo. Nesta primeira reunión pecháronse os medios locais dispoñibles e necesarios para que a proba se celebre con seguridade dentro do termo municipal.
Na reunión estiveron presentes os concelleiros de Deportes, Marcos Guisasola, e de Seguridade Cidadá, Xoán Pérez, así como o director técnico da proba, Serafín Acevedo, o xefe da Policía Local, o coordinador de Emerxencias Sanxenxo, os técnicos de Deportes e de Xuventude, e responsables do aparcadoiro de Nauta e da zona portuaria.
A proba, que este ano estará xa homologada pola Federación Española de Atletismo, conta xa con 1.400 inscritos, que poderán recoller o dorsal ao longo de todo o día anterior, o 17 de maio, nun punto de entrega que se habilitará na Sala Nauta. Á última hora da tarde, o padriño da proba nesta edición, o atleta Chema Martínez, ofrecerá unha charla aberta ao público no Hotel Carlos I de Silgar. A rede de voluntarios duplicarase nesta edición con ata 50 mozos e mozas que estarán na liña de meta, pero tamén en distintos puntos da carreira para a entrega de avituallamento.
A proba, organizada polos concellos de Sanxenxo e O Grove baixo a dirección técnica de Nokao, contará con dúas opcións de distancia: media maratón e 10K para os máis rápidos e populares, o 18 de maio. Ademais, haberá unha opción de relevos por parellas. O sábado 17 tamén se celebrarán probas para os máis pequenos (entre 0 e 13 anos) de carácter gratuíto no paseo marítimo do Grove.
Os participantes gozarán dun percorrido que transcorre por unha das zonas máis espectaculares de Galicia. Na súa primeira edición, a proba atraeu corredores de distintos puntos de España e Portugal, como Valencia, Asturias, Bilbao ou Madrid, que quedaron sorprendidos polo encanto e atractivo turístico desta zona do Salnés. A proba entregará máis de 2.500 euros en premios económicos.