Concello de Sanxenxo - O CONCELLO SELECCIONARÁ OS 34 AUXILIARES DE POLICÍA LOCAL QUE PRESTARÁN SERVIZO ESTE VERÁN EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O municipio ten operativo desde hoxe o Posto de Actualización de Documentación da Policía Nacional

Sanxenxo, 16 de abril de 2025.- O Concello de Sanxenxo convocará unha bolsa de emprego para contratar os 34 auxiliares da Policía Local este verán por un período máximo de catro meses. Nas bases que se publicarán nos vindeiros días figuran os requisitos das persoas aspirantes, así como a descrición das tres probas incluídas no proceso de selección: un cuestionario de 50 preguntas tipo test, unha proba de coñecemento de galego e outra de aptitudes físicas. O Concello solicitou á Axencia Galega de Seguridade realizar as probas selectivas no municipio e dispoñer dunha bolsa coa que reforzar o cadro de persoal formado por 23 axentes durante o período estival.

As persoas aspirantes aprobadas e incluídas na lista de reserva deste proceso selectivo deberán superar un curso de formación teórico-práctico nas Agasp como requisito indispensable para seren contratadas como auxiliares de Policía Local. O curso terá unha duración de 24 horas lectivas en modalidade presencial e ten como obxectivo dotar ás persoas auxiliares de Policía Local de Sanxenxo de formación teórico-práctica que as capacite para o posterior desempeño da súa función como auxiliares temporais de Policía Local.

Por outra banda, desde hoxe xa está operativo na comisaría da Policía Local o Posto de Actualización de Documentación da Policía Nacional desde onde se pode verificar o DNI, cambiar o contrasinal, renovar certificados, anular a sinatura dixital e descargar o DNI no móbil.

A posta en marcha deste servizo é froito da adhesión do Concello, a través da área de Seguridade Cidadá e Emerxencias dirixida por Xoán Pérez, ao proxecto Vidoc (Vehículos Integrais de Documentación) co obxectivo de facilitar os trámites e as xestións ás veciñas e veciños. Ademais, os vindeiros días 28 de abril e 15 de maio desprazarase ata Baltar a oficina móbil da Policía Nacional para obter ou renovar o DNI e o pasaporte. As persoas interesadas poden reservar cita previa chamando ao teléfono da Policía Local de Sanxenxo, en horario de 9 a 14 horas.

0
0
0
s2sdefault