Concello de Sanxenxo - O CONCELLO MELLORA A PAVIMENTACIÓN E DOTA DE SANEAMENTO E ABASTECEMENTO O VIAL ENTRE GONDARIÑO E CARBALLO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

O investimento de ambas as actuacións ascende a 82.388 euros

Sanxenxo, 16 de abril de 2025.- O Concello iniciou as obras de mellora da pavimentación do camiño municipal que discorre entre os lugares de Gondariño e Carballo, na parroquia de Vilalonga, e dotará de saneamento e abastecemento o treito urbano. O investimento de ambas as actuacións ascende a 82.388 euros, que se afrontará cunha axuda da Agader e con fondos propios municipais.

O camiño atópase na actualidade pavimentado con mestura bituminosa en quente cunha capa de rodadura en estado de conservación deficiente, polo que urxe a súa reparación mediante a reposición completa da mesma. A lonxitude total do vial é de algo máis dun quilómetro e o ancho da súa plataforma é de uns 4,30 metros de media, presentando algúns treitos bastante estreitos, polo que están a ser obxecto de ensanche.

Ademais, existe unha zona puntual do trazado, coincidindo coa intersección do camiño con outro vial municipal procedente de terreo forestal, na que as augas que descenden libremente por este último vial chegan á calzada do camiño a pavimentar e crúzana transversalmente, provocando importantes arrastres e consecuentes desperfectos no pavimento.

Para solucionalo canalizaranse as augas procedentes do vial transversal nunha lonxitude de 10 metros cunha cuneta revestida de formigón, que recollerá e conducirá as augas a unha arqueta de rexistro que se ubicará na marxe esquerda do camiño a pavimentar.

Dende esta arqueta habilitarase un cruce de calzada mediante a colocación nunha gabia dunha tubaxe de PVC de 315 mm de diámetro, que verterá as augas ao cauce existente na marxe oposta do camiño. Deste xeito, prevese canalizar adecuadamente o caudal de auga procedente do terreo forestal e evitar desperfectos sobre o vial a tratar debido á corrente de auga que actualmente discorre de forma superficial.
Para rematar as actuacións levarase a cabo o pintado da sinalización horizontal, a colocación de sinais verticais de stop e o recrecido das tapas de rexistro afectadas polas obras de pavimentación da calzada.

0
0
0
s2sdefault