Preto dun cento de participantes iniciaron a xornada cunha ruta explicativa que partiu da Praza Pascual Veiga
Sanxenxo, 21 de abril de 2025.– Con sombreiros de palla co lema “Imos á romaría do Con!” e cargados con mochilas, así comezou hoxe a xornada para preto de cen participantes nunha ruta explicativa guiada por Estrella Martínez, da Asociación Andarela, que rematou algo máis dunha hora despois no recinto presidido polo Con da Ventureira.
Desde a Concellería de Cultura e Eventos, presidida por Elena Torres, apóstase por recuperar esta antiga tradición que durante xeracións foi un punto de encontro para as familias do municipio nestas datas. “Buscamos fomentar a participación veciñal nesta romaría e poñer en valor o noso patrimonio cultural. Quero agradecer a implicación dos colectivos, do grupo Cantos da Terra e das empresas locais nesta edición”, sinalou.
No entorno do Con da Ventureira instalouse este ano unha carpa cunha exposición de fotos antigas achegadas pola Asociación Cultural Abiñadoira, que amosan a tradición desta festa popular, así como o traballo realizado polo alumnado do CEIP Cruceiro sobre a romaría e a historia desta celebración.
Tras o Xantar Popular, onde cada persoa asistente levou a súa propia comida para compartir nun ambiente festivo, repartíronse chocolate e rosca, cortesía das panaderías locais Veiganova e A Ponte.
A xornada continuou con música e danzas tradicionais a cargo do grupo Cantos da Terra, ademais de xogos populares para todas as idades, recuperando así formas de entretemento tradicionais.
O Con da Ventureira é un conxunto rochoso de gran tamaño que, no seu día, servía como referencia visual para os mariñeiros, chegando incluso a aparecer en antigas cartas náuticas co nome de Con da Costa. Ademais, arredor desta formación transmitiuse unha lenda que tamén foi recordada durante a celebración.
Segundo conta a tradición, unha moza que volvía do monte tras recoller leña atopouse cunha moura ao pasar polo Con. Estes seres da mitoloxía galega descríbense como mulleres de gran beleza, con ollos azuis, pel clara e vestimentas brancas, que habitan en penedos ou mananciais, onde gardan tesouros ocultos. A moura, sentada sobre a pedra e peiteándose cun peite de ouro, achegouse á rapaza, secoulle o suor da fronte, bicouna no mesmo lugar e levouna con ela á súa morada subterránea.