A proba, que terá lugar o vindeiro 18 de maio, presentouse esta mañá no Gran Talaso Hotel Sanxenxo.
Sanxenxo, 2 de maio de 2025.- A dez días do peche das inscricións, a media maratón Entre Rías conta xa con 2.200 inscritos, dos cales o 22 % proceden de fóra de Galicia. O dato foi dado a coñecer hoxe na presentación da proba, conducida polo xornalista deportivo Terio Carrera no Gran Talaso Hotel Sanxenxo, cos alcaldes de ambos os municipios polos que transcorre a carreira, Sanxenxo, Telmo Martín, e O Grove, José Cacabelos; a vicepresidenta da Deputación, Luisa Sánchez, e o director xeral de Xustiza, José Tronchoni.
A segunda edición da carreira, que terá lugar o vindeiro 18 de maio, estará homologada pola Real Federación Española de Atletismo, unha cuestión relevante para os corredores para poder puntuar en campionatos, clasificar por marca ou certificar récords e tempos persoais. O organizador da cita, Serafín Acevedo, destacou outras novidades importantes como “animación musical en distintos puntos da carreira e, por primeira vez en Galicia, os corredores poderán gravar na súa medalla finisher o seu nome e o tempo que teñen na media maratón cando rematen a carreira, totalmente gratuíto”. Tamén se entregará unha camiseta conmemorativa da proba e uns manguitos por cada inscrición.
A actividade deportiva comezará o sábado 17 de maio pola mañá no paseo marítimo do Grove coas carreiras infantís de carácter gratuíto para os participantes de entre 0 e 13 anos, a partir das 11:00 horas. Pola tarde, ás 20:00 horas, o Hotel Carlos I Silgar acollerá a charla coloquio co exatleta olímpico español Chema Martínez, que apadriñará a proba. A entrada será libre ata completar aforo.
O alcalde do Grove destacou a singularidade da proba “por ser a única cun percorrido bañado por dúas rías, a de Arousa e a de Pontevedra, e o Océano Atlántico”. Un aspecto no que tamén incidiu o rexedor de Sanxenxo: “non fai falta dicir que o entorno natural e paisaxístico é único, non hai outra igual”. Ambos aspiran a que se sigan ampliando as inscricións e que mesmo se poida chegar aos 2.500 fronte aos case 1.000 da primeira edición. “Sanxenxo e O Grove xuntos non temos teito”, asegurou Martín, ao tempo que agradeceu o traballo tanto da Policía Local como da Garda Civil e dos patrocinadores, algúns deles presentes na presentación.
Pola súa banda, Luisa Sánchez sinalou que a proba é unha escusa perfecta “para percorrer o entorno tan marabilloso que temos”. Tamén Tronchoni destacou “a importancia deste tipo de eventos deportivos e os valores que leva consigo”.