Sanxenxo, 12 de agosto de 2025.- O alcalde e presidente de Nauta, Telmo Martín, mantivo un encontro esta mañá con membros da nova asociación Asnauta formada por aproximadamente 60 usuarios do porto deportivo de Sanxenxo. Durante a reunión, que tivo lugar nas instalacións da oficina municipal de Nauta Sanxenxo, abordouse a remodelación integral prevista, tanto na lámina de auga como en terra, incluída dentro da ampliación da concesión actual que caduca en outubro de 2027 e que se prorrogará ata 2047.
O alcalde explicou que “esta é unha primeira toma de contacto con Asnauta na que se lles vai informar dos plans de Nauta Sanxenxo” no marco da nova concesión. Martín explicoulles que se prevé que o proxecto de remodelación integral estea listo en xuño de 2026.
O presidente de Asnauta, Serafín Portas, explicou que o colectivo xorde “para velar polos intereses dos concesionarios do porto e para saber como se vai facer a ampliación da concesión”. Así mesmo, incidiu en que “a nosa liña vai ser a do diálogo e a das achegas que poidan resultar útiles neste proceso”.
O investimento previsto no porto supera os trece millóns de euros, con tres actuacións de distinto custo económico, pero que redundarán na dinamización da zona. Por unha banda, está o proxecto Batea en Terra, que aspira a ser un reclamo turístico máis pola súa calidade arquitectónica. Está programado en tres fases: o axardinamento e a mellora do acceso da Praza dos Barcos coa Praza do Mar, xa executado; a reforma do edificio de Capitanía e locais adxacentes; e o umbráculo denominado Batea en Terra pola forma á que evoca e que se situará na Praza do Mar.
Outra das medidas previstas na prórroga da concesión é a reordenación da lámina de auga, a substitución das torretas de subministro, a reparación das flotacións dos pantaláns e a adaptación do subministro de combustible.