Concello de Sanxenxo - OS SOCORRISTAS DE SANXENXO REALIZARON 17.964 INTERVENCIÓNS EN PRAIAS DURANTE XUÑO, XULLO E AGOSTO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A vixilancia continuará ata o próximo luns 15 en Areas, Silgar, Canelas e Montalvo ás que se suman esta fin de semana Foxos e A Lanzada

Sanxenxo, 12 setembro de 2025.- Os socorristas de Sanxenxo realizaron durante os meses de xuño, xullo e agosto 17.964 intervencións, unha cifra superior á rexistrada durante o ano pasado no mesmo período, 17.101. A vixilancia continuará ata o próximo luns 15 en Areas, Silgar, Canelas e Montalvo ás que se suman esta fin de semana Foxos e A Lanzada. Nesta estatística inclúense as 151 carabelas retiradas nos últimos tres días de agosto nas praias de Silgar, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Pragueira, Bascuas e Major.

As atencións para promover a seguridade nas praias céntranse nunha gran parte das intervencións do servizo con 3.997 avisos a bañistas e 2.671 avisos por incumprimentos da ordenanza de praias. As picaduras de fanecas nestes meses ascenderon a 824, sendo Montalvo (128) e Canelas (196) as praias con máis rexistros deste tipo. As atencións por feridas sumaron 1.408, seguidas doutras como picaduras de insectos (140), buscas por persoas desaparecidas (28), danos en ollos ou oídos (123) e traslados en ambulancia (21), entre outros.

En canto a actuacións por intervención desde embarcacións, destacan os avisos por artefactos flotantes (1.933), avisos por saltos desde rochas ou lugares elevados (615), avisos por usuarios fóra da zona de baño (467) e advertencias por pescar en zonas de baño (319).

Ao longo da próxima semana, comezará a retirarse o balizamento das praias, as pasarelas, as zonas de sombras e as torres dos socorristas co que se porá fin á tempada de baño nos areais.

Por outra banda, o Concello comezará coas actuacións de mantemento en praias como a renovación da pasarela da entrada principal a Canelas e, en novembro, comezará a realizarse a nova baixada accesible á praia de Silgar.

0
0
0
s2sdefault