A iniciativa arrinca hoxe con preto de medio cento de establecementos e prolongarase ata o 31 de outubro.
Sanxenxo, 15 de setembro de 2025.- Case medio cento de comercios locais arrancan hoxe a campaña Merca en Sanxenxo, posta en marcha por Entretendas e o Concello de Sanxenxo, para incentivar as compras na campaña de outono e axudar ás familias do municipio.
A concelleira de Educación, Nati Parada, acompañada do presidente de Entretendas, Julio Presas, visitaron esta mañá tres dos locais adheridos á iniciativa: Ohana by Esc, Boutique Syra e Xoguetería Colegial. “Creo que vai repercutir moitísimo na economía local e que a xente vai aproveitar o inicio de campaña para facer as súas compras con descontos”, asegurou Laura Escudero, de Ohana by Esc.
A campaña, impulsada pola Concellería de Economía, realízase, por primeira vez, no municipio cunha achega de 20.000 euros repartidos nun total de 2.000 paquetes de bonos de 30 euros. Cada paquete terá un valor de 30 euros repartidos en tres vales de 10 euros, que os clientes poderán adquirir por 20 euros na sede de Entretendas, situada na Rúa Progreso. Os 10 euros restantes serán asumidos polo Concello.
A venda de bonos abrirase o 15 de setembro e manterase ata esgotar existencias. Cada persoa poderá mercar un máximo de dous paquetes, por 40 euros, cun valor de 60 euros, presentando o seu DNI, NIF ou NIE. Os vales serán válidos ata o 31 de outubro e poderán usarse nos establecementos adheridos, quedando excluídas as compras de alimentación en supermercados e grandes superficies.
Parada sinalou que do que se trata é de “apoiar ás familias neste arranque de curso e de campaña, fidelizar os clientes do comercio local e reforzar o consumo en Sanxenxo”.