A actuación enmárcase dentro das obras do ciclo da auga e continuará co proxecto de pavimentación dos viais da contorna do mercado.
Sanxenxo, 15 de setembro de 2025.- As obras de mellora e abastecemento na Rúa Panadeira, traballos incluídos no contrato do ciclo da auga, cun custo de 59.497 euros, obrigarán a cortar ao tráfico rodado a Rúa Panadeira a partir de mañá. Para residentes e accesos a garaxes poderase continuar pola Rúa Madrid, que se habilita de saída, ata a rotonda de Miraflores.
A obra, que está previsto que dure aproximadamente quince días, continuará co proxecto de pavimentación das rúas da contorna do mercado que inclúen, ademais de Panadeira, Cesteiros e Viña da Fonte. De feito, mañá a empresa adxudicataria da obra comezará co levantamento de beirarrúas na Rúa Cesteiros, aínda que os traballos neste caso non afectarán ao tráfico.
O proxecto de mellora destes viais, valorado en máis de 300.000 euros, inclúe a renovación do alumeado, a sinalización e a drenaxe existente. En canto aos semáforos no cruce da Rúa do Progreso, prevese o seu traslado á nova ubicación dos pasos de peóns e a adaptación das súas ópticas. Ao longo de toda a actuación renóvanse completamente os pavimentos nas beirarrúas mediante a colocación de baldosa hidráulica sobre soleira de formigón.
Como complemento á reordenación do espazo urbano e á renovación de pavimentos, no presente proxecto contémplase a colocación de mobiliario e de xardinaría. Prevese a colocación dunha varanda na Rúa Progreso para impedir aos peóns cruzar a calzada por zona non habilitada; na Rúa Viña da Fonte, na praciña, para protexer do desnivel entre a praza e a nova beirarrúa. Tamén está prevista a colocación de bancos, papeleiras e a creación de dúas novas zonas axardinadas.