Martín destaca que “con María temos unha valedora máis de Sanxenxo na Xunta de Galicia”
Sanxenxo, 20 de outubro de 2025.- A voceira e concelleira de Planificación Urbanística e Vivenda, María Deza, presentou esta mañá a renuncia ao seu acta de edila nun Pleno extraordinario urxente para asumir a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas. Tras catorce anos na política municipal de Sanxenxo demostrando o seu compromiso co municipio e algo máis de dous anos como deputada autonómica, Deza despediuse emocionada, coa voz entrecortada durante todo o seu discurso de despedida. “É un día moi complicado para min. Sinto medo polo descoñecido, ilusión polo desafío, tristura pola despedida e gratitude polo recibido”.
Tras desculparse “polos posibles erros cometidos”, Deza agradeceu á exalcaldesa Catalina González por ter confiado nela “por primeira vez” e ao actual rexedor, Telmo Martín, “porque ao seu lado aprendín, chorei, gritei, rin, loitei, traballei moito e ensinoume a facerme mellor persoa, a ser moito máis forte e moito máis valente. Debaixo desa aparencia de home rudo, hai un home xeneroso, afable e de gran corazón”. Deza lembrou aos seus compañeiros de goberno “que estiveron ao meu carón nesta travesía e que traballaron arreo por este concello”, á oposición e aos técnicos de Urbanismo “xa amigos despois de tantos anos e que son moi importantes para min e para o desenvolvemento deste concello. Por eles, hoxe rómpeseme o corazón”.
Deza rematou o seu discurso lembrando á súa familia e amigos “sen eles sería imposible aceptar este reto que se me presenta por diante”. “Hoxe é un día triste para min, pero tamén un día de abrir a mente e os brazos polo que está por vir. Despídese unha concelleira, pero queda unha veciña do mellor concello no que un pode escoller vivir”.
Os voceiros da oposición destacaron o seu labor á fronte da voceiría do goberno e da súa concellaría de Urbanismo e desexáronlle sorte nesta nova etapa. “Alá onde vaias van gañar contigo”, dixo Fran Leiro, voceiro do BNG. “Sanxenxo perde unha boa concelleira”, asegurou Fernando Otero.
Finalmente, o alcalde pechou a quenda de intervencións dicindo “que hoxe é un día de emocións, un día triste, pero feliz porque vou ser un dos primeiros alcaldes aos que recibas en Santiago”, bromeou. “Con María temos unha valedora máis de Sanxenxo na Xunta de Galicia” e “é un orgullo que unha persoa do meu equipo, a miña man dereita, sexa elixida para este cargo. Sei que vas deixar o pavillón moi alto”. Martín concluíu: “Isto é un ata logo e grazas, grazas e grazas polo traballo feito”.