Concello de Sanxenxo - O CONCELLO E O CENTRO DE SAÚDE DE BALTAR CLAUSURAN MAÑÁ OS OBRADOIROS SOBRE MENOPAUSIA CUNHA ANDAINA SAUDABLE
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 


Sanxenxo, 2 de decembro de 2025.— A Comisión para a Saúde, formada polo Concello de Sanxenxo, a través da Concellería de Servizos Sociais, dirixida por Paz Lago, e o persoal do Centro de Saúde de Baltar, clausura mañá os Obradoiros sobre Menopausa cunha Andaina Saudable que partirá ás 10 horas do Centro de Saúde de Baltar.

A iniciativa que se estivo desenvolvendo desde o pasado 15 de outubro contou cunha alta participación e unha excelente valoración por parte das asistentes, que destacaron a utilidade das sesións e a necesidade de dispor de espazos de información e acompañamento nesta etapa vital.

Os obradoiros naceron co obxectivo de ofrecer coñecementos accesibles e actualizados sobre a menopausa, unha fase natural na vida das mulleres que continúa sendo pouco visible e sobre a que persisten dúbidas e desinformación. Ao longo das xornadas abordáronse contidos transversais como os síntomas da premenopausa e a menopausa, pautas de alimentación equilibrada, exercicio físico, hábitos saudables, sexualidade e benestar emocional.

As participantes subliñaron o valor deste tipo de actividades, sinalando que lles permitiron comprender mellor os cambios que experimentan, resolver inquedanzas e compartir experiencias con outras mulleres que atravesan situacións similares.

Desde o Concello de Sanxenxo e o Centro de Saúde de Baltar destácase o compromiso conxunto por impulsar programas de educación para a saúde e acompañamento que contribúan a mellorar a calidade de vida da cidadanía, especialmente en ámbitos que requiren maior visibilización e apoio comunitario.

O programa, dirixido a mulleres de entre 45 e 55 anos, estivo composto por oito sesións nas que se combinaron charlas informativas e espazos participativos para ofrecer unha visión completa sobre os cambios físicos e emocionais que se producen na perimenopausa e na menopausa. Trátase da primeira actividade da Comisión para a Saúde de Sanxenxo.


 

0
0
0
s2sdefault