Concello de Sanxenxo - A REFORMA INTEGRAL DO NOVO CENTRO SOCIOEDUCATIVO DE VILALONGA ESTARÁ CONCLUÍDA A PRÓXIMA PRIMAVERA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

Sanxenxo, 4 de decembro de 2025.- Vilalonga contará a próxima primavera cun novo equipamento socioeducativo tras a rehabilitación integral do antigo colexio O Cruceiro. O edificio albergará un FP Dual de Hostalaría e Restauración, un centro social de maiores e unha biblioteca. O alcalde, Telmo Martín, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, acompañados de concelleiros do goberno e membros da Mesa de Turismo realizaron esta mañá unha visita ás obras.

Os traballos avanzan a bo ritmo e está previsto que, segundo explicou o alcalde, “estean rematadas en primavera”. Martín destacou a necesidade de contar cun FP destas características nun concello “que é un destino turístico líder do norte peninsular”. O investimento, que ronda os tres millóns de euros, está a ser financiado por fondos europeos e municipais. Na actualidade, o FP de Hostalaría e Restauración estase a impartir entre o IES Vilalonga, a parte teórica, e o Hotel Sixto, a parte práctica, a través dun alugueiro que financia o Concello.

Pola súa banda, o conselleiro destacou a implicación do Concello e do sector turístico nun “proxecto redondo” por varias razóns: por rehabilitar un edificio, por redundar nun servizo de calidade con esta formación e pola implicación público-privada na actuación. “Vanse formar persoas cunha inserción laboral do 100%”, explicou.

O presidente do CETS, Alfonso Martínez, destacou “a necesidade desta formación que xa leva tres anos en activo e facendo prácticas nas nosas empresas turísticas e non podía ser implantado noutro sitio que en Sanxenxo”. Tamén agradeceu a implicación das “empresas que acollen os alumnos para facer prácticas”.

O director de obra, Carlos Berride, incidiu en que o novo edificio “suporá un aforro do 95% do consumo enerxético e do 96% en emisións de CO₂”.


Distribución do novo edificio

O centro social situarase na zona do antigo ximnasio, cunha superficie útil de 375 metros cadrados. Este espazo estará dotado de dúas zonas para cafetería e escenario con zona de baile, que poderán estar vinculadas ou ser independentes. Da mesma maneira, a parte do escenario e baile pode converterse nun gran espazo para conferencias ou presentacións de diversa índole con capacidade para 120 persoas.

A nova biblioteca terá unha superficie útil de 185 metros cadrados e contará cunha zona de estudo, zona infantil, zona de ordenadores, arquivo e aseos, ademais dunha área de lectura exterior cun pequeno patio axardinado onde se poderán realizar presentacións de libros e obradoiros infantís. Tanto a biblioteca como o centro cívico terán accesos, servizos e instalacións individuais, o que fai que poidan funcionar de maneira independente ao resto do edificio, podendo ter diferentes horarios de uso.

As plantas primeira e segunda suman 1.032 metros cadrados (535 na primeira e 497 na outra). Nelas situarase o ciclo profesional de Hostalaría e Restauración en modalidade de FP dual. Un ciclo de alta demanda na área e que supón unha oportunidade para a mocidade da zona. Estará formado por espazos de aulas polivalentes, taller de cociña e office, taller de restaurante e bar, cos equipamentos necesarios. Ademais, incorpora un ascensor no núcleo de comunicación principal.

0
0
0
s2sdefault