Concello de Sanxenxo - AS BANDEIRAS AZUIS DE SANXENXO ELIXIDAS PARA A ELABORACIÓN DUN PROXECTO ESCOLAR A NIVEL NACIONAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Unha charla e unha limpeza da praia de Montalvo, as dúas actividades realizadas polos escolares do SEK no municipio

Sanxenxo, 6 de decembro de 2025.- Sanxenxo, como municipio español con máis bandeiras azuis nas súas praias, cun total de 17, foi elixido por segundo ano consecutivo por docentes do SEK para participar nun proxecto escolar a nivel nacional, “Misión Bandeira Azul”, que o curso pasado foi premiado na categoría da Mellor Indagación Profesional en Primaria.

A técnica de Turismo, Teresa Salgueiro, acompañada dos concelleiros de Turismo e Praias, Juan Deza, e de Medio Ambiente, Yago Torres, realizou unha presentación a 46 escolares de 4º de Primaria do SEK na Sala Nauta na que lles explicou o que significa contar con este galardón e as condicións que se deben cumprir para poder conseguilo cada ano. A seguridade, a accesibilidade e a limpeza, así como a calidade da auga, son tres dos requisitos imprescindibles polos que Sanxenxo renova cada ano as súas bandeiras azuis.

Tamén se repasou o significado das bandeiras para o baño na praia, a protección da píllara das dunas, especialmente durante a súa época de reprodución na que está prohibido o acceso de animais domésticos ás praias.

O proxecto educativo inclúe a creación dun díptico sobre a bandeira azul no que se exporá parte do explicado esta mañá e no que se incidirá na importancia de contar con este galardón nun areal; a limpeza da praia de Montalvo que se realizará o mes que vén; e a elaboración de xoguetes para os máis pequenos do colexio cos residuos retirados das praias. “Queremos traballar, ademais do coidado do medio ambiente, a reciclaxe e a segunda vida para algúns residuos”, explica Susana Fontán Riveiro, profesora e coordinadora do proxecto.

0
0
0
s2sdefault