En total, 50 persoas recibiron a primeira formación sobre autocuidado e a xestión das emocións
Sanxenxo, 19 de xaneiro de 2026.- A Concellería de Servizos Sociais e Maiores, dirixida por Paz Lago, está a piques de concluír o primeiro bloque do programa “Coidándote para Coidar”, no que se traballou ao longo de dez sesións o autocuidado, a xestión das emocións e a construción dunha rede de apoio grupal para o soporte de todas as persoas do municipio que levan a cabo a tarefa de coidador/a.
Nesta segunda edición, organizáronse un total de catro grupos, dous específicos para coidadores de enfermos de alzhéimer e dous grupos para os coidadores de persoas con dependencia e/ou enfermidades crónicas dexenerativas. En total, 50 persoas recibiron esta primeira formación, continuando co programa xeral do curso.
O vindeiro martes 27 de xaneiro, a partir das 17:30 e ata as 19:00 horas, comezará o segundo bloque do programa, dedicado a unha formación específica, impartida por Irene Troncoso, técnica en coidados auxiliares de enfermaría, sobre a adaptación do fogar á persoa dependente, co obxectivo fundamental da prevención de riscos e accidentes domésticos, primeiros auxilios, mellora da alimentación e do sono, a mobilidade…
A entrada a esta formación é libre e aberta para toda persoa interesada. Por motivos de organización, debe haber unha inscrición previa no correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou ben telefonicamente no 986 72 79 01.
Unha vez rematada esta formación, abrirase a inscrición nas restantes deste programa, consistentes en formación xurídica de interese, impartida pola asesora xurídica do CIM, Beatriz Carrera; a formación sobre enfermidades que orixinan coidados, impartida por unha profesional da enfermaría; e un último bloque centrado na liberación da tensión emocional nas persoas coidadoras, entre outras.

