Concello de Sanxenxo - O CONCELLO SACA A LICITACIÓN A MUSEOGRAFÍA DO CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA TELLEIRA POR 113.582 EUROS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

 

A obra de rehabilitación do edificio avanza cos traballos de climatización interior

 

Sanxenxo, 20 de xaneiro de 2026.

 

– O Concello de Sanxenxo vén de sacar a licitación a museografía do Centro de Interpretación da Telleira por un importe de 113.582 euros e un prazo de execución de tres meses. O proxecto inclúe a dotación de mobiliario, dispositivos multimedia de almacenamento e lectura, equipamento audiovisual, paneis e servizos de exposición en museos.

 

A musealización deberá garantir a accesibilidade e a comprensión dos contidos para públicos diversos, atendendo a distintos rangos de idade, procedencia, nacionalidade e nivel educativo. A museografía deberá ser atractiva, didáctica e inclusiva, ofrecendo diferentes niveis de profundidade para adaptarse tanto a visitantes ocasionais como a aqueles interesados nun coñecemento máis detallado.

 

O obxectivo é que o espazo se converta nun foco de difusión dos valores ecolóxicos e etnográficos de toda a zona, que fomente o turismo ambiental e ornitolóxico, especialmente nos meses de outono e inverno, cando máis de 200 especies de aves elixen este humidal para invernar.

 

O Centro de Interpretación da Telleira, construído no ano 2003 e cunha superficie de 2.504 metros cadrados, atópase dentro do Complexo Intermareal Umia-O Grove, un ecosistema de grande valor ecolóxico que forma parte do Listado de Humidais de Importancia Internacional (Ramsar), foi declarado Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) e está catalogado como Espazo Natural en réxime de Protección Xeral.

 

O edificio está a ser obxecto dunha mellora integral co obxectivo de que poida albergar as actividades para as que foi concibido, incrementando ao mesmo tempo os seus estándares ambientais interiores e a eficiencia enerxética. Os traballos céntranse agora na instalación da climatización interior. Ademais, ordenarase a parcela contigua para crear un pequeno aparcadoiro acoutado, evitando a actual dispersión de vehículos. A redistribución do espazo interior incluirá a oficina de Medio Ambiente, a sede de SEO BirdLife, unha sala de exposición permanente, unha sala multiúsos, un espazo para obradoiros de interpretación, un almacén, un centro de documentación, unha sala audiovisual, unha sala de exposición itinerante, unha tenda temática e aseos.

0
0
0
s2sdefault