Concello de Sanxenxo - A PEÑA CELESTE DE VILALONGA REPLICA EN PEDRA O ANTIGO ESCUDO DO CLUB QUE LUCIRÁ NA ENTRADA AO CAMPO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A peza tallada por Víctor Casal será colocada este domingo ás 12 horas no monólito situado á entrada do campo

Sanxenxo, 21 de xaneiro de 2026.- A Peña Celeste de Vilalonga celebrará este domingo, ás 12 horas, un acto para descubrir a réplica en pedra do antigo escudo de madeira tallado polo escultor Alfonso Vilar. O emblema, que simboliza a pervivencia e a solidez dos lazos entre a afección e o club, integrarase no monólito, tamén de pedra, situado á entrada do campo de fútbol. A peza estará cuberta cun pano branco no que irá bordado o escudo do club vilalongués.

A nova peza escultórica tallada por Víctor Casal, autor do escudo en pedra do RC Celta, recentemente inaugurado en Vigo, supón unha homenaxe ás orixes do histórico club do municipio. “Queremos que os afeccionados poidan velo e desfrutalo na entrada ao campo de fútbol e encargámolo en pedra porque é un bo material para estar ao aire libre. A madeira é máis delicada”, explica Pedro Arauxo, presidente da Peña Celeste, que localizou o escudo orixinario en madeira.

Está previsto que ao acto acuda o alcalde, Telmo Martín, xunto aos concelleiros de Deportes, Marcos Guisasola, así como os edís Yago Torres e Paz Lago. Tamén asistirán membros da directiva do Vilalonga FC e da Peña Celeste. Tras a colocación do escudo, depositarase un ramo de flores brancas e azuis diante do monólito en memoria dos membros do club falecidos.

O escudo primixenio tallado en madeira luce nas oficinas do club tras ser recuperado e restaurado en 2024 polo carpinteiro local Andrés Pita. Antigamente levábase nos camións e despois nos autobuses que transportaban aos xogadores aos partidos.

0
0
0
s2sdefault