Trátase dunha iniciativa da Secretaría de Estado de Turismo que ten como obxectivo impulsar o desenvolvemento sostible dos destinos
Sanxenxo, 22 de xaneiro de 2026.- Sanxenxo continúa coa súa actividade en Fitur. O concelleiro de Turismo e Praias, Juan Deza, acompañado da técnica de Turismo, Teresa Salgueiro, mantiveron esta mañá un encontro con Enrique Martínez, presidente de Segittur.
A reunión chega despois de que Sanxenxo fose elixido como modelo piloto para implementar a Plataforma Intelixente de Destinos (PID), unha proposta para modernizar a xestión turística mediante tecnoloxía, analizando datos e mellorando servizos.
A PID constitúe un conxunto de servizos e solucións dixitais que axudará aos principais axentes turísticos a analizar a súa demanda, mellorar a competitividade, elevar as accións de promoción, mellorar a capacidade do destino para atraer visitantes e adaptar a súa oferta, dispor de mellores datos para a segmentación de mercados, reforzar a toma de decisións estratéxicas e establecer pontes de información entre os axentes públicos e privados.
Ao longo da mañá, o edil de Turismo asistiu a diversas presentacións e mantivo reunións de traballo con distintas empresas do sector turístico, así como cunha empresa auditora de destinos accesibles.
Un ano máis, o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, visitou o mostrador de Sanxenxo acompañado do concelleiro de Turismo, Juan Deza, e da concelleira de Economía, Facenda e Persoal, Paula Martínez.