Concello de Sanxenxo - UN TOTAL DE 47 FAMILIAS DE SANXENXO BENEFÍCENSE DAS AXUDAS DE EMERXENCIA DE SERVIZOS SOCIAIS
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Destínanse principalmente á compra de alimentos e a outras necesidades básicas

Sanxenxo, 30 de xaneiro de 2026.– A Concellería de Servizos Sociais, que dirixe Paz Lago, destina 225 € por habitante e ano a prestacións de carácter social. Un gasto que, cando supera os 200 € por habitante, os expertos cualifican de excelente. A maior parte do gasto dos Servizos Sociais de Sanxenxo destínase ás dúas gardarías, ao Centro de Día e ao Servizo de Atención no Fogar (SAF). Este último foi recentemente licitado e adxudicado a unha nova empresa co obxectivo de ampliar a súa cobertura.

Ademais destes servizos, a concellería xestiona outro gasto social, menor en termos cuantitativos pero moi importante para as familias que se benefician del, como é o caso das axudas de emerxencia. Actualmente en Sanxenxo hai 47 familias que se benefician de distintas axudas de emerxencia: compra de alimentos, pagamento do alugueiro, compra de medicamentos, dentista, oftalmólogo, etc. Ademais das axudas económicas, hai decenas de familias ás que os servizos sociais lles ofrecen apoio para a inserción laboral, educación familiar e asesoramento xurídico.

Sanxenxo é un municipio con bos datos de emprego e actividade económica grazas ao seu liderado turístico no norte de España. Por iso, o Concello dispón dun orzamento superior ao que lle correspondería segundo o número de habitantes. Mellorar as infraestruturas e os equipamentos é a demanda maioritaria da veciñanza, pero tamén prestar os mellores servizos sociais posibles e, sobre todo, apoiar ás familias que poidan estar a pasar por un momento difícil.

0
0
0
s2sdefault