Concello de Sanxenxo - O CONCELLO INICIA O LUNS A REPARACIÓN DOS DESPRENDIMENTOS NO PASEO DE SILGAR PROVOCADOS POLO TEMPORAL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Os traballos obrigan a cortar un tramo do vial e a establecer un plan de tráfico alternativo

Sanxenxo, 30 de xaneiro de 2026.– O Concello de Sanxenxo inicia o luns a reparación dos desprendementos no Paseo de Silgar provocados polo temporal. Durante estes días, o alcalde, Telmo Martín, acompañou a técnicos municipais e da Xunta na inspección da zona onde se levarán a cabo os traballos. Por motivos de seguridade e para evitar o paso de peóns, desde un primeiro momento valouse a zona e habilitouse un paso peonil alternativo.

Debido a que o talude se atopa parcialmente cuberto de vexetación, o que impide visualizar o alcance dos desprendementos e dificulta a adopción das medidas necesarias para garantir a estabilidade das terras, o Concello encargou a limpeza do talude mediante medios mecánicos co fin de determinar as actuacións a realizar para garantir a estabilidade do terreo e do vial que este sostén. Ao atoparse dentro da servidume de Costas, o Concello xa procedeu de maneira urxente a tramitar unha comunicación previa ante a Xunta de Galicia para a realización dos traballos indicados.

Por motivos de seguridade, os traballos obrigan a cortar o tráfico no tramo de actuación, polo que se habilitou un plan alternativo que garanta a circulación con seguridade. A partir do luns, habilitarase desde a rotonda de Baltar un carril de entrada e saída ata o Talaso Hotel Sanxenxo. Os estacionamentos elimínanse temporalmente neste tramo. A saída do Paseo de Silgar pola rúa Vigo poderá seguir realizándose como ata agora.

0
0
0
s2sdefault