O areal de Pampaído contará, por primeira vez, con vixilancia.
Sanxenxo, 27 de febreiro de 2026.- O Concello de Sanxenxo, a través da empresa municipal Turismo de Sanxenxo, vén de licitar o servizo de salvamento e socorrismo por 4.032.796 euros durante catro anos. Os 87 socorristas repartiranse polos areais de Pampaído, que por primeira vez contará con este servizo; Area de Agra, Areas, Panadeira, Silgar, Baltar, Caneliñas, Canelas, Paxariñas, Montalvo, Bascuas, Pragueira, Major, Foxos, Nª Señora da Lanzada, Areas Gordas, A Lapa e O Espiñeiro - A Lanzada.
Co obxectivo de poder ampliar os horarios, se fose necesario, o Concello de Sanxenxo valorará as empresas que ofrezan 150 horas máis das xa previstas por cada unha das praias. Tamén se puntuará o licitador que se comprometa a reparar e manter os módulos de socorrismo, así como as torres, cadeiras e cartelería; realice campañas de educación ambiental e de hábitos saudables e instale pantallas dixitais informativas no exterior dos módulos.
En canto á apertura do servizo, Silgar, a praia urbana con maior afluencia de bañistas, contará con socorristas desde o 1 de xuño ata o 30 de setembro de forma ininterrompida, de luns a domingo, de 12 a 20 horas. Do 1 de xullo ao 31 de agosto, ampliarase de 11:30 a 20:30. En Areas, Panadeira, Canelas e Montalvo, o servizo abrirase o 1 de xuño ata o día 14, en horario de 12 a 20 horas, os venres, sábados e domingos. A partir do día 15, haberá vixilancia durante toda a semana. No resto dos areais, o servizo prestarase desde o 1 de xullo ata o 31 de agosto, de 12 a 20 horas.
En canto ao equipamento, ademais das embarcacións, o servizo reforzarase cunha moto para as tarefas regulares de inspección, supervisión e control dos areais, así como cun vehículo de intervención para o traslado de persoal en caso de emerxencia. A dotación de material contempla, como mínimo, por cada módulo: un desfibrilador, un equipo de férulas semirríxidas, balón ou botella de osíxeno medicinal, mochila de primeiros auxilios, balón autoinflable ou ventilador manual, máscaras de baixo e alto fluxo, colarín cervical, tensiómetro, termómetro e mantas térmicas, aos que se suman produtos e diferentes apósitos para curas ou golpes. Ademais, deberán contar cunha cadeira anfibia para o baño de persoas con problemas de mobilidade, así como muletas anfibias.