Concello de Sanxenxo - A NOVA CONCESIONARIA DO SAF OFRECERÁ UN CURSO GRATUÍTO DE FORMACIÓN CON 25 PRAZAS EN SANXENXO
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A formación consta dun total de 60 horas e o obxectivo é que as persoas que a realicen se incorporen ao servizo no municipio

Sanxenxo, 2 de marzo de 2026.- A nova empresa concesionaria do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), Idades, en colaboración coa Concellería de Servizos Sociais e Maiores, dirixida por Paz Lago, ofrecerá un curso gratuíto de atención sociosanitaria a domicilio con 25 prazas no municipio. O curso consta dun total de 60 horas, 40 horas teóricas e 20 horas de prácticas en empresa, onde estarán acompañadas por traballadoras xa en activo no servizo. As datas serán do 17 de marzo ao 31 de marzo, en horario de 16:30 a 20:30 horas. “É unha oportunidade para formarse nun sector en auxe e con futuro. O curso non é regrado pero dá todas as ferramentas para poder traballar de auxiliar no servizo e facilita a emisión do certificado de profesionalidade”, apunta Enedina Torres, axudante de coordinación de Idades e profesora do curso.

Tras a formación, Idades realizará a selección buscando os perfís máis idóneos coa posibilidade de incorporar ao servizo as persoas inscritas ata un máximo de 25, preferiblemente con coche, pero non será excluínte. A formación impartirase nas instalacións municipais do Centro de Día de Sanxenxo, do 17 ao 31 de marzo, de 16:30 a 20:30 horas. As persoas interesadas deben enviar solicitude de inscrición, en horario de mañá, ao correo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. ou ao teléfono 651 65 92 27 co nome e apelidos, teléfono de contacto, dirección e formación.

O curso divídese en nove bloques: Servizo de Axuda a Domicilio (obxectivos, autonomía, dependencia, actividades e servizos); auxiliar de axuda a domicilio (aptitudes, actitudes, actividades e confidencialidade); proceso de envellecemento (enfermidade, envellecemento, trastornos, patoloxías, úlceras...); aplicación de técnicas de hixiene e aseo das persoas dependentes; alimentación (tipos de dietas); normas básicas da medicación; técnicas de mobilización, traslado e deambulación; axudas técnicas para o aseo, comida, fogar, descanso, comunicación e mobilidade; e primeiros auxilios (queimaduras, picaduras, hemorraxias, intoxicacións, parada cardiorrespiratoria…).

0
0
0
s2sdefault