A concelleira de Educación, Nati Parada, reuniuse esta mañá coas ANPAs para informarlles dos cambios.
Sanxenxo, 3 de marzo de 2026.- Sanxenxo redobla a súa aposta pola conciliación coa ampliación do plan previsto para o verán e con obradoiros en cada período vacacional escolar. A concelleira de Educación, Nati Parada, reuniuse esta mañá cos representantes das ANPAs para informarlles dos cambios. "O obxectivo é facilitar a conciliación a todas as familias traballadoras do noso municipio cunha ampla proposta para atender a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos", apunta Nati Parada.
O Concello vén de sacar a licitación o servizo por 213.807 euros, dividido en dous lotes, cunha duración de dous anos. Un para o Plan Concilia que, por primeira vez, cubrirá todo o período vacacional, incluídos os días de xuño e setembro (despois e antes de que comece o curso), e outro para os obradoiros de Nadal, Entroido e, por primeira vez, na Semana Santa, de luns a Xoves Santo. Estes últimos terán un horario de 9 a 14:30 horas, un total de 221 prazas, e realizaranse no colexio de Nantes.
O Plan Concilia contará, un ano máis, con dúas ubicacións para facilitar o acceso ás familias. Un desenvolvemento será no colexio de O Telleiro e outro no colexio de A Florida. En total, poñeranse a disposición 910 prazas, 94 por quincena, e reservaranse un total de 40 para nenos e nenas con diversidade funcional. O prezo por quincena será de 45 euros e, para o período completo, 230 euros. O horario será de 8 a 15:30 horas, incluíndo a opción de levar comida de casa, ou de 9:30 a 14 horas, para os que non coman nas instalacións municipais.
A empresa adxudicataria realizará unha reunión previa ao inicio do servizo para dar a coñecer a dinámica de funcionamento, así como a programación e actividades previstas, con polo menos dúas saídas semanais á praia ou espazos que redunden no coñecemento dos recursos culturais e naturais do contorno.