A charla será impartida este venres polo cronista oficial, Xosé María Fernández Pazos, ás 19:00 h, no Auditorio Emilia Pardo Bazán.
Sanxenxo, 4 de marzo de 2026.- Sanxenxo rematará este venres a conmemoración do 105 aniversario do afundimento do vapor-correo Santa Isabel, ocorrido o 2 de xaneiro de 1921 fronte á illa de Sálvora, no que faleceron 213 persoas entre tripulantes e pasaxeiros, o que o converte no naufravio con máis vítimas civís da historia naval de Galicia.
A exposición da maqueta do barco realizada por José Antonio Ribeira preside desde o pasado 19 de febreiro a entrada do Auditorio Emilia Pardo Bazán. Unha coidada réplica con 1,80 metros de eslora, 24 centímetros de manga, 30 quilos de peso e un casco de poliéster con 1.400 cravos. A maqueta conta incluso con dous motores eléctricos.
Este venres, 6 de marzo, será o último día para gozar da mostra, que pecharase coas conferencia “O Titanic galego: o vapor-correo Santa Isabel”, impartida polo cronista oficial, historiador e xornalista, Xosé María Fernández Pazos. Será ás 19:00 h no Auditorio Emilia Pardo Bazán. A actividade está organizada pola Concellería de Cultura e Eventos, dirixida por Xoán Pérez.
O vapor Santa Isabel encallou contra as rochas da illa de Sálvora, na ría de Arousa, durante unha intensa tormenta que complicou a súa navegación. Este buque correo, que cubría a ruta entre Bilbao e Bos Aires, transportaba a 269 persoas, entre pasaxeiros e tripulantes.
O Santa Isabel partira de Cádiz o 20 de decembro de 1920 nunha travesía habitual cara a Pasaia, con escalas en A Coruña e Vigo. Na tarde do 1 de xaneiro de 1921, o buque zarpou de A Coruña con destino a Vilagarcía de Arousa. As condicións meteorolóxicas empeoraron ao atravesar o cabo Fisterra, transformándose os chuvascos iniciais nunha tormenta con fortes ventos. Ás 01:30 horas, o buque impactou contra os baixos de Meixides, preto da illa de Sálvora, abrindo varias fendas no seu casco.
A pesar de que o Santa Isabel dispoñía de radioteléfono, non conseguiu emitir unha alerta clara co que se puidese avisar do inevitable afundimento. Esa falta de información impediu organizar un rescate inmediato.