Concello de Sanxenxo - SANXENXO OPTA A UNHA AXUDA PARA ACONDICIONAR O APARCAMENTO EXTERIOR XUNTO AO CAMPO DE FÚTBOL DE O REVEL
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A actuación ten un custo total de 111.524 euros e un prazo de execución de 2 meses

Sanxenxo, 5 de marzo de 2026.- O Concello de Sanxenxo opta a unha axuda autonómica do programa Galicia Refuxio Climático para o acondicionamento do aparcamento colindante ao campo de fútbol municipal de O Revel en Vilalonga. A actuación ten un custo total de 111.524 euros e un prazo de execución de 2 meses. A subvención cubriría o 60 % e o 40 % restante sería asumido con fondos municipais.

O obxectivo prioritario é a atenuación do efecto illa de calor urbana e a mellora do comportamento hidrolóxico da contorna, de acordo con criterios de adaptación e solucións baseadas na natureza. Para iso, prevese actuar sobre a plataforma actual, contemplando, por un lado, a demolición dunha zona pavimentada existente e, por outro, a incorporación de superficies actualmente en terra, co obxecto de ampliar o ámbito do aparcamento.

A nova plataforma executarase mediante pavimento permeable resolto con adoquí drenante, sobre a correspondente capa de apoio e base granular, favorecendo a infiltración e reducindo a escorrentía superficial en comparación coa situación actual. Complementariamente, proxéctase a creación de zonas axardinadas e a implantación de arborado de sombra, co fin de incrementar a cobertura vexetal, diminuír a insolación directa sobre o pavimento e mellorar o confort térmico do espazo. Estas zonas delimitaranse mediante bordillo separador respecto da superficie pavimentada.

A ordenación do estacionamento materializarase mediante o propio adoquí, diferenciando prazas e bandas de circulación a través da cor e/ou disposición das pezas, configurando o conxunto como unha explanada de aparcamento sen itinerario peonil interno específico. A actuación inclúe, así mesmo, a reconfiguración xeométrica do ámbito para maximizar o número de prazas obtidas e definir percorridos de circulación que permitan un uso correcto e seguro do aparcamento.

En relación co drenaxe, a evacuación das augas pluviais realizarase de forma superficial e conforme á pendente natural do terreo, conducíndose cara á cuneta existente situada ao pé do talude no límite norte do ámbito.

0
0
0
s2sdefault