Concello de Sanxenxo - SANXENXO RENDE HOMENAXE ÁS SÚAS MULLERES RURAIS NO DÍA INTERNACIONAL DA MULLER
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

 

 

A concelleira de Servizos Sociais, Paz Lago, reivindicou o papel destes colectivos como creadores de espazos de convivencia e sororidade

 

Sanxenxo, 8 de marzo de 2026.- O Concello de Sanxenxo rendeu esta mañá homenaxe aos colectivos de mulleres rurais coincidindo co Día Internacional da Muller destacando o seu labor como piares do territorio e fontes de inspiración para a igualdade. O acto contou coa actriz e monologuista Arancha Treus como condutora da cita que, desde o principio, enganchou ao público polo seu sentido do humor afiado e reivindicativo. Á conmemoración asistiu unha ampla representación do goberno; a directora da AXI, María Deza; e os concelleiros do BNG.

 

Os colectivos protagonistas da xornada foron as Mulleres Rurais Emilia Pardo Bazán, as Mulleres Rurais Santa Catalina de Portonovo, a Vogalía da Muller, a Asociación de Veciños de Dorrón, as Mulleres Rurais Emilio Ferreiro de Dorrón e a Asociación de Mulleres Rurais A Candelaria de Vilalonga.

 

A concelleira de Servizos Sociais e Maiores, Paz Lago, reivindicou o seu papel como “representantes do mellor da nosa comunidade polo apoio mutuo, a defensa de dereitos e a creación de espazos de convivencia. Todas vós sodes hoxe as protagonistas”.

 

E como protagonistas subiron ao escenario a facer unha demostración das actividades que realizan ao longo do ano, e tamén en formato vídeo para contar que representa a igualdade, que supón para elas integrar este colectivo e que recomendación realizarían ás xeracións máis novas.

 

Pilates, baile, pandeireta… e moito sentido do humor para seguir avanzando nunha vida libre de violencias e unha igualdade real “nas que vós sodes indispensables para avanzar. Axudádenos a chegar onde o Concello non chega: ás casas, ás aldeas e ás realidades máis invisibles”.

0
0
0
s2sdefault