A información puido ser recuperada mediante copias de seguridade, pero non se pode descartar de forma absoluta o acceso a información
Sanxenxo, 9 de marzo de 2026.- O Concello de Sanxenxo dá por concluído o análise técnico e forense do incidente de ciberseguridade rexistrado o pasado 26 de xaneiro que afectou a parte dos sistemas informáticos municipais. Desde o primeiro momento en que se detectou actividade anómala na rede municipal, activáronse os protocolos de seguridade previstos para este tipo de situacións.
Entre outras medidas, procedeuse ao illamento inmediato dos sistemas afectados, á activación do plan de continxencia tecnolóxica e ao inicio dun análise técnico especializado co fin de conter o incidente e avaliar o seu alcance. Durante o período entre a detección do incidente e a recuperación dos sistemas, determinados servizos informáticos municipais vironse temporalmente interrumpidos, o que afectou ao normal desenvolvemento de parte da actividade administrativa.
O ataque provocou o cifrado de determinados arquivos en algúns equipos e servidores municipais, principalmente na unidade de rede compartida asociada ao servidor de dominio. Os arquivos e sistemas afectados puideron ser recuperados mediante as copias de seguridade dispoñibles, ao contar o Concello con mecanismos de respaldo actualizados tanto da información como das máquinas afectadas.
En relación coa posible extracción de información, as investigacións técnicas realizadas non identificaron evidencias concluíntes que permitan confirmar a exfiltración de datos. Non obstante, dado que o atacante logrou acceder a determinados sistemas antes do seu illamento, non se pode descartar de forma absoluta o acceso potencial á información contida neses sistemas.
O incidente foi comunicado á Axencia Española de Protección de Datos e traballouse de forma coordinada co Instituto Nacional de Ciberseguridade (INCIBE) e coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
Tras a finalización da investigación técnica, o Concello reforzou as medidas de seguridade dos seus sistemas informáticos e continuará adoptando melloras na protección da infraestrutura tecnolóxica municipal.