Concello de Sanxenxo - O CONCELLO CÉDELLE Á XUNTA O SOLAR DAS CUNCHAS PARA CONSTRUIR VIVENDA PÚBLICA EN RÉXIME DE ALUGUER
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

Poderán acceder menores de 36 anos, veciños de Sanxenxo ou traballadores do municipio que queiran fixar a súa residencia no municipio

Sanxenxo, 10 de marzo de 2026.- O alcalde, Telmo Martín, mantivo esta mañá un encontro en Santiago coa conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, e co secretario xeral de Vivenda, Heriberto García, no que se acordou a cesión do solar municipal situado na Rúa das Cunchas.

A parcela conta cunha superficie de 1.600 m² e destinarase á construción de 40 vivendas públicas ás que poderán acceder en réxime de aluguer os veciños de Sanxenxo menores de 36 anos ou traballadores do municipio que queiran fixar a súa residencia nel.

Martín recordou que hai tres semanas “asinamos o convenio de cesión doutro terreo en Noalla co presidente da Xunta para destinalo á venda de 25 vivendas públicas e hoxe damos un novo paso grazas á boa disposición da conselleira nun solar municipal”.

A construción de vivenda pública neste solo, situado a apenas 40 metros da praia de Silgar, permitirá, como indicou Martín, “corrixir un erro de planificación urbanística dos anos 70, que nos custou moi caro, e convertelo nunha oportunidade para os mozos e familias de Sanxenxo”.

Martínez Allegue destacou “a xenerosidade do Concello por pór á disposición un novo solo para a promoción de vivenda pública que será unha realidade moi pronto”. A conselleira recordou que o reto da Xunta é “acadar as 4.000 vivendas públicas en 2028”.

Paso previo
Tras o cambio na normativa autonómica, o goberno de Sanxenxo levou a Pleno o pasado mes de outubro o cambio de cualificación do solar das Cunchas de zona verde a equipamento público. O goberno asegurou, naquela altura, que o obxectivo era que a finca expropiada á familia Rocafort puidese beneficiar aos veciños de Sanxenxo tras o abono de 13 millóns de euros.

0
0
0
s2sdefault