Sanxenxo, 20 de marzo de 2026.- A Escola Municipal de Música de Sanxenxo continúa ampliando a súa formación coa implantación da especialidade de violín na súa oferta educativa. Como mostra da alta demanda deste instrumento, tres das catro prazas ofertadas este curso xa están cubertas.
En total, a Escola Municipal de Música conta con 15 materias instrumentais (piano, oboe, frauta, fagot, clarinete, saxofón, trompa, trompeta, trombón, tuba/bombardino, guitarra, violonchelo, violín, contrabaixo e percusión), ademais de Iniciación Musical e Música e Movemento. Actualmente, conta con 221 alumnos e lista de espera nalgúns instrumentos, especialmente nas clases de Piano e Guitarra para adultos.
O equipo docente está formado por 15 profesores e o director, Benjamín Dorado, que se encargan da educación musical do alumnado desde a base ata que son adultos. Durante este curso continúanse as audicións públicas, nas que as familias poden ver os avances, e prevese realizar tamén algunha actuación ao aire libre, nunha praza ou espazo aberto do municipio.
Master class
O alumnado de violonchelo disfrutou fai uns días dunha master class con Millán Abeledo Malheiro, solista da Real Filarmónica de Galicia. Para o alumnado foi moi enriquecedor e para a Escola de Música un privilexio poder contar con mestres deste nivel.