A actuación será sufragada con fondos do Plan +Provincia
Sanxenxo, 20 de marzo de 2026.- O Concello de Sanxenxo licitará este luns a humanización do Camiño do Castro en Dorrón. A actuación, financiada a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra, suporá un investimento de 412.445 euros. A obra está prevista que teña un prazo de duración de catro meses.
A intervención transformará por completo este vial que conecta o núcleo rural do Castro coa estrada PO-308. O actual camiño, con tramos de forte pendente e un firme deteriorado, será renovado na súa totalidade para mellorar a seguridade e a comodidade tanto de peóns como de condutores. O novo trazado incorporará un pavimento máis resistente, un sistema de drenaxe eficaz e redes actualizadas de saneamento e abastecemento.
O proxecto tamén inclúe o soterramento do cableado aéreo e a instalación de luminarias de baixo consumo, o que contribuirá a reducir o impacto visual e avanzar cara a un modelo enerxético máis eficiente. Ademais, contempla a construción dun muro de contención e a ampliación do ancho da calzada, adaptando a vía ás necesidades actuais do tráfico. A seguridade peonil mellorarase coa execución dunha nova baranda, a ampliación parcial do camiño incorporando unha cesión de terreo e incorporando sinalización horizontal e vertical.
O obxectivo é seguir estendendo o modelo de humanización que xa transformou outros espazos do municipio, garantindo que todos os núcleos rurais desfruten de servizos de calidade similares aos das zonas urbanas.