Natural de Gondar, completou a súa formación académica entre o CEIP Cruceiro e o IES de Vilalonga, graduándose con matrícula de honra
Sanxenxo, 20 de xullo de 2026.- O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Educación, Nati Parada, recibiron esta mañá a David García Castro, tras ser distinguido co Premio Extraordinario de Bacharelato de Galicia, convocado pola Consellería de Educación. Este mozo de 17 anos, natural de Gondar, completou a súa formación académica entre o CEIP Cruceiro e o IES de Vilalonga, graduándose con matrícula de honra e unha nota media de 9,44. «Noraboa polo premio. Para Sanxenxo é un auténtico orgullo contar con mozos comprometidos coa excelencia académica, que representan o mellor futuro para a nosa sociedade», asegurou o alcalde.
Cos seus excelentes resultados académicos e animado polo profesorado do centro vilalongués, David García participou nos Premios Extraordinarios de Bacharelato da Xunta de Galicia, nos que se recoñecen os 20 mellores expedientes académicos da comunidade. Acadou o primeiro posto entre máis de 800 participantes, cunha cualificación de 37,5 puntos sobre 40. O galardón está dotado cun premio de 1.000 euros e un diploma acreditativo. «Co que estudei durante o Bacharelato foi suficiente para presentarme á proba e obter un bo resultado», explicou.
A próxima meta de David García é converterse en matemático. Para iso cursará o Grao en Matemáticas en Santiago e posteriormente un máster. «A saída máis habitual é a docencia, pero a min gústanme moito as finanzas e gustaríame probar noutras ramas relacionadas coa enxeñaría ou a intelixencia artificial», asegura. «Agora dixéronme que as matemáticas son diferentes e moito máis difíciles, así que haberá que ver que tal se me dan», engade.
O alcalde agasallouno cunha mochila de Turismo de Sanxenxo, que lle será de utilidade nesta nova etapa universitaria. Mentres tanto, David valora presentarse ao Premio Nacional de Bacharelato, un recoñecemento oficial do Ministerio de Educación á excelencia e ao esforzo do alumnado.