Sanxenxo, 21 de xullo de 2026.- O Concello de Sanxenxo vai ensanchar e pavimentar o Camiño de Guillabai, en Dorrón. Trátase dun acceso cara ao lugar de Barreiro desde a zona da Igrexa de Dorrón, pero é un vial moi estreito, duns 2,50 metros de ancho, e atópase sen pavimentar, polo que o tránsito resulta moi complicado. O prazo de execución previsto no proxecto é de tres meses e o custo da actuación ascende a 154.800 euros. A actuación opta a unha subvención do Plan Extraordinario da Deputación de Pontevedra.
O proxecto contempla a ampliación da plataforma existente ata os 4 metros desde o eixe do camiño actual e a súa posterior pavimentación para conseguir un vial que poida ser utilizado con seguridade tanto por vehículos como por peóns. Este ensanche precisará da construción de muros de cachotaría de contención. Ademais, será necesario retranquear os postes existentes de electricidade, telefonía e iluminación pública.
Por outra banda, renovaranse as pontellas existentes e reconstruirase unha canle de rega na nova aliñación, para permitir que os propietarios das leiras poidan manter o seu sistema de rego. Para a pavimentación estenderase e compactarase unha base de zahorra artificial e, posteriormente, executarase unha capa de mestura bituminosa en quente. A obra completarase coa colocación dunha varanda metálica de seguridade sobre a aliñación do muro de contención, debido ao desnivel existente.
Co ensanche e pavimentación do camiño conseguirase un vial seguro polo que poderán circular tanto vehículos como peóns, mellorando o servizo para todos os habitantes da parroquia. Trátase dunha das melloras propostas polos veciños ao equipo de goberno durante a reunión celebrada na parroquia o pasado 6 de febreiro.
O Concello continuará mellorando a rede municipal de estradas e viarios, reparando as estradas e pistas asfaltadas e pavimentando completamente aquelas pistas que aínda se atopan en terra, ampliándoas cando sexa necesario para mellorar o servizo.