Sanxenxo, 23 de xullo de 2026.- O alcalde, Telmo Martín, e a concelleira de Educación, Nati Parada, realizaron esta mañá unha visita aos colexios de O Telleiro (Noalla) e A Florida (Sanxenxo), onde se está a desenvolver o Plan Concilia municipal. Unha aposta decidida coa que se colabora na conciliación de 744 familias do municipio.
O programa incorpora este ano unha importante novidade, xa que por primeira vez amplía o seu funcionamento aos días non lectivos de xuño e setembro, ademais dos meses habituais de xullo e agosto. “Buscamos axudar ás familias que durante o verán traballan cunha ampliación do prazo temporal do Plan e cunha marxe horaria que se adapta ás circunstancias”, asegura Martín.
Durante a visita, o alcalde participou nas actividades e xogos que estaban a realizar, como o xogo do pano ou un obradoiro de cociña. Tampouco faltaron as propostas dos participantes, como un patio cuberto “para poder xogar fóra os días de choiva”, así como unha pequena entrevista.
O Concello adxudicou o servizo por dous anos por un importe de 213.000 euros, aos que hai que sumar os gastos de limpeza e subministracións. O Concello ofertou un total de 910 prazas, distribuídas en quincenas con 94 prazas cada unha. Delas, 40 reserváronse para nenos e nenas con diversidade funcional, reforzando a aposta por un servizo inclusivo e adaptado ás necesidades das familias.
Sanxenxo Concilia conta con dúas opcións horarias: de 8:00 a 15:30 horas, con posibilidade de levar comida da casa, e de 9:30 a 14:00 horas para quen non faga uso do servizo durante o mediodía. O prezo establecido é de 45 euros por quincena e de 230 euros para o período completo.
As familias que o precisen dispoñen dunha ampliación horaria mediante os servizos de Plan Madruga e fiambrera. Esta iniciativa facilita a conciliación durante as vacacións escolares e ofrece aos menores un espazo de actividades e convivencia ao longo do verán.