Concello de Sanxenxo - NOALLA PREVÉ REPARTIR 26.000 UNIDADES DE BIVALVO NA XXXIII FESTA DA OSTRA
T: 986 72 00 75 - F: 986 72 10 22  | 
Concello de Sanxenxo

Novas

A cita gastronómica arrincará este venres ás 11:00 horas e manterá o prezo de 12 euros a ducia de ostras.

Sanxenxo, 3 de agosto de 2026.- Noalla prevé repartir 26.000 unidades de bivalvo na XXXIII Festa da Ostra. A cita presentouse esta mañá na Casa Forestal das Canteiras cunha degustación dos produtos que se poderán desfrutar, a partir deste venres e ata o domingo, baixo unha carpa que se instalará nas inmediacións do campo de fútbol de Noalla.

A festa, organizada pola Asociación Comisión de Festas Virxe do Carme, manterá os prezos populares doutras edicións, fixando en 12 euros a ducia de ostras. O presidente da comisión de festas, Roberto Garrido, que estivo acompañado polos concelleiros Nati Parada e Xoán Pérez, así como por membros da organización, destacou a calidade do produto que se servirá nesta edición, así como o albariño Aquitania, elixido para acompañar a degustación.

"Queremos recordar que esta festa faise para recaudar fondos para a festa do Carme e agradecer a colaboración do Concello", sinalou.

A xornada inaugural estará amenizada polo grupo de gaitas Os do Barro e, pola tarde, pola Fanfarria Furruxa. O sábado ao mediodía a degustación contará coa actuación de Os Cruceiros de Vilalonga, mentres que pola tarde o ritmo correrá a cargo de Furruxa Gaiteiros. O domingo, último día da festa, actuará ao mediodía o grupo de gaitas Os do Barro e, pola tarde, a Fanfarria Furruxa porá o broche final á programación.

"Queremos convidar tanto a veciños como a visitantes a que veñan á festa a degustar a ostra, un produto cun sabor a mar inconfundible e que forma parte da nosa identidade", destacou Nati Parada.

0
0
0
s2sdefault