O concerto será o xoves, 6 de agosto, ás 22 horas, e a entrada é gratuíta
Sanxenxo, 4 de agosto de 2026.- O gaiteiro Óscar Ibáñez leva o seu espectáculo Camiño Atlántico á Praza do Mar. O concerto celebrarase o xoves, 6 de agosto, ás 22 horas, e a entrada será gratuíta. O alcalde, Telmo Martín, e o concelleiro de Cultura e Eventos, Xoán Pérez, presentaron xunto ao artista esta actuación, promovida pola Axencia de Turismo de Galicia e o Concello de Sanxenxo.
Camiño Atlántico é o novo espectáculo que Óscar Ibáñez leva aos escenarios coa súa banda. Parte da música tradicional galega para afondar na irmandade das culturas atlánticas, intercalando xéneros propios con outros europeos e americanos nunha mestura fresca e innovadora na que predomina a sonoridade celta.
A actuación combina novas creacións con algúns dos temas máis destacados dos seus traballos discográficos, nun espectacular e enérxico percorrido sonoro transoceánico cheo de orixinalidade, imaxinación e creatividade.
Óscar Ibáñez & Tribo está formado por excelentes músicos de longa e recoñecida traxectoria que formaron parte das bandas dalgúns dos máis destacados artistas e grupos folk galegos: André Labraña, acordeón; Harry, violín; Xosé Liz, bouzouki; Paco Dicenta, baixo; Leandro Deltell, batería e percusión; Teresa Gómez, zanfona; Carla Villanueva, xilófono, e catro gaiteiros da Banda de Gaitas Suevia. Con esta formación realizaron máis de 300 concertos por toda a Península Ibérica, Alemaña, Bretaña, Italia e Bélxica, participando nalgúns dos festivais internacionais de música folk máis importantes.
Camiño Atlántico chega a Sanxenxo tras percorrer países como Portugal, Italia e Bélxica.